12 julio 2015

Axudas ás que poderá acceder o sector lácteo

Axudas ás que poderá acceder o sector lácteo
Xunta de Galicia
Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou que o novo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 proposto por Galicia a Bruxelas contempla para este período máis de 500 millóns de euros en axudas ás que se poderá acoller o sector lácteo. Así o lembrou esta mañá trala reunión que mantivo cos distintos axentes do sector lácteo aos que reiterou a firme defensa que a Administración fai en prol deste sector. Deste xeito, especificou que o novo PDR manterá especial sensibilidade en atender as necesidades daquelas explotacións que se atopan en zonas con limitacións naturais ou con limitación de produción para as que se incrementará ata os 116 millóns de euros a cantidade dedicada fronte os 52 millóns de euros que destinaba o PDR en vigor (2007-2013) para ese mesmo concepto.

Rosa Quintana sinalou que a reunión serviu para analizar a situación entre todas as partes “con documentos enriba da mesa” co fin de buscar mellorar a situación do sector ata conseguir uns prezos axeitados á produción galega que se atopa neste momento baixo a influencia dun novo escenario sen cotas. A conselleira lembrou que se fará especial énfase en mellorar a comercialización do 1,37% do leite producido en Galicia que un total de 541 gandeiros venderon por debaixo dos 20 cts/litro.

A conselleira aproveitou para lembrar que, neste sentido, no que vai de ano foron destinados xa 116 millóns de euros para o lácteo galego, dos cales 95 foron parar directamente ás explotacións e aos que hai que engadir achegas por valor de case 20 millóns de euros máis que se están tramitando para aboar este mesmo ano. Unhas cifras que evidencian o compromiso da Administración galega por “un sector estratéxico que merece toda a nosa atención”, insistiu.

Tamén aludiu ao paquete de medidas aprobadas polo MAGRAMA nos últimos días e lembrou que dende Galicia xa se está a traballar xunto coas consellerías de Sanidade e Educación nun programa de fomento de consumo do leite e na potenciación da campaña Galega 100%, entre outras, ao tempo que se traballa na elaboración dun Plan Estratéxico para o Lácteo no que estarán todas as partes implicadas.

Rosa Quintana fixo estas declaracións trala reunión que mantivo cos representantes dos sindicatos agrarios, cos da distribución e cun único representante da industria (Leite Río). A conselleira destacou a boa disposición dos sindicatos participando activamente no seo dos órganos nos que teñen representación –coma a INLAC- e tamén das reunións bilaterais mantidas tanto coa Administración central tanto como coa autonómica.